Fernández-Tapias salienta a importancia da doazón de medula ósea e destaca a colaboración entre a ADOS e asociacións viguesas de doantes para sensibilizar á poboación

A delegada territorial da Xunta participou este venres nos actos celebrados con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea

Galicia conta con 13.700 persoas inscritas no Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea

Vigo, 16 de setembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández Tapias, sumouse este venres no Centro Vialia aos actos de celebración organizados pola Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) con motivo do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, que se conmemora este sábado 17 de setembro

 

A representante autonómica resaltou que no ano 2021 Galicia acadou 890 novos doantes rexistrados e que o Rexistro Español de Doantes de Medula Ósea (REDMO) conta cun total de 13.700 galegos e galeas. “Tan só o ano pasado Galicia logrou rexistrar a outros 890 doantes e levaron a cabo 9 doazóns efectivas, pero por desgraza nunca hai moitos e é necesario continuar cos traballos de sensibilización”, sinalou.

 

Fernández-Tapias destacou o traballo da ADOS como centro de referencia en Galicia para o rexistro de doantes de medula ósea e integrado no REDMO. Segundo a Organización Nacional de de Transplantes (ONT), Galicia ten experimentado unha notable evolución, pois acumula máis de 13.700 doantes. A delegada puxo en valor o papel esencial que teñen os doantes de medula ósea, imposible de obter de maneira artificial e que permite salvar a vida a moitos enfermos. Así mesmo destacou que, ao longo do ano 2021, en Galicia efectuáronse nove doazóns efectivas.

 

Dentro dos actos de conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, a Asociación de Doantes e Receptores de Órganos de Vigo (Adrovi) celebrou un acto no Centro Vialia para divulgar e informar sobre este xeito de doazón. No mesmo participaron ademais do presidente de Adrovi, Celso García Estevez, o xerente da Área Sanitaria de Vigo, Javier Puente Prieto, e a directora de ADOS, Marisa López García, quen lembrou a necesidade de achegar o coñecemento e sensibilización sobre a doazón de medula ósea.

 

Plan Nacional

Na actualidade, ADOS leva a cabo as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, que ten como obxectivo lograr un nivel de autosuficencia do 35% durante o presente ano, 2022, sendo unha das liñas principais de traballo da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para para o quinquenio 2020-2025 (ENTPH).

 

Un dos elementos máis destacables da ENTPH, e no que a Axencia de Doazón de Órganos e Sangue está traballando, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos, máis coñecido como transplante de medula ósea.

 

Neste caso, subliñar que a unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibilidade de ADOS dispón dunha certificación da European Federatión for immunogenetics (EFI), dende o ano 1998, renovada de maneira periódica. Esta unidade, que dispón da tecnoloxía máis avanzada, pon de manifesto o compromiso do sistema sanitario público galego con este tipo de doazón.

 

Ademáis, dende hai 9 anos, ADOS, o Servizo Galego de Saúde e a Fundación Josep Carreras teñen a disposición da cidadanía unha páxina web http://' title='http://galicia.medulaosea.org/">'>http://galicia.medulaosea.org/">galicia.medulaosea.org, que facilita os trámites de rexistro aos potenciais doadores. Lembrar que poden ser doantes de medula ósea, as persoas de 18 a 40 anos que non padezan ningunha enfermidade grave ou transmisible.

 

Concienciar e colaborar

ADOS está a desenvolver diversas iniciativas destinadas a sensibilizar a cidadanía da importancia da doazón da medula ósea, poñendo especial atención na poboación máis nova. Desta maneira, os estudantes galegos e os membros da comunidade universitaria reciben información sobre a doazón de medula ósea e lévanse a cabo distintas iniciativas enfocadas a fomentar a inscrición de novos doantes no REDMO. Entre as accións programadas por ADOS, encontrase a VII edición do Concurso Universitario de Curtametraxes sobre a Doazón e Transplante de Medula Ósea, promovido dende a Coordinación Autonómica de Transplantes do Sergas.

 

Así mesmo dentro da ENTPH, e promovida de maneira conxunta entre a ONT e as comunidades autónomas, un aspecto crucial é a promoción da doazón e as actividades desenvolvidas con asociacións de doantes, para difundir o coñecemento sobre esta forma de doazón. Nesta liña de colaboración, ADOS leva anos realizando iniciativas conxuntas con asociacións como ADROVI, ASAMPO, FRANGIL E ASOTRAME.

 

ADOS quere poñer en valor a figura de todos os doantes de medula ósea, en especial nesta oportunidade con ocasión da celebración do seu Día Mundial, xa que o seu xesto solidario contribúe ao restablecemento de moitos pacientes. Igualmente, invita á cidadanía a informarse sobre este xeito de doazón na súa web: ados.sergas.gal, páxina que recolle información sobre todas as formas de doazón altruísta que poden levarse a cabo no sistema público de saúde de Galicia.

 

Ademais, tamén poden seguir a ADOS a través das redes sociais (Facebook, twitter, Instagram), así como ver os contidos propios en YouTube, na que participan pacientes que dan a visión do transplante de medula ósea dende a óptica de quen a recibe.

Imaxes relacionadas